Un brunch paleo a base de tortiñas sen fariñas de cereais nen azucres e tostas de ovo poché, guacamole e touciño crocante.

Nesta última edición en directo de «Xuntos Na Cociña», preparamos un brunch paleo da man de Belén López, do restaurante «Árbore da Veira». Belén, unha chef moi nova de Lalín á que temos un enorme cariño e á que admiramos polo seu gran percorrido profesional, acompañounos paso a paso con dúas receitas fáciles ás que recorreremos en moitas ocasións. Por un lado, unhas tortiñas paleo sen fariñas de cereais nen azucres, tremendamente ricas e ao mesmo tempo, saudables. Por outro lado, unhas tostas de ovo poché, guacamole e touciño crocante, saborosísimas e que tiñan como base o pan paleo que prepararamos na primeira edición de «Xuntos Na Cociña».

Deixámosvos a receita de cada un dos pratos deste brunch paleo, e o link para volver facer o pan paleo que nos ensinou Patricia.

TOSTAS DE OVO POCHÉ, GUACAMOLE E TOUCIÑO CROCANTE

Ingredientes (para 2 tostas):

  • 1 marabilloso pan paleo de Patricia de “Bodegón A Cunca”, de tamaño máis grande (tamaño tosta pero gordiño para poder abrilo á metade)
  • 1 aguacate pequeno
  • Medio tomate pequeno
  • 1/4 de cebola
  • Zume de media lima
  • Sal, pementa e cilantro ao gusto
  • 2 ovos
  • 6 láminas finas de touciño
  • Vinagre
  • Leituga, espinacas, canónigos (opcionais)

Preparación:

  1. Quentar o forno a 140 graos, e introducir o touciño, estirado nunha bandexa con papel de forno na base. Cando vexamos que o touciño comeza a soltar a graxa subimos o forno a 200ºC e deixamos ata que seque.
  2. Poñemos auga con sal e un bo chorro de vinagre nunha pota ao lume. Esperamos a que case rompa a ferver, nese momento facemos un remuiíño na auga e incorporamos 1 ovo. Con isto conseguimos que a clara do ovo non se espalle pola auga senón que quede nunha boliña. Repetimos co outro ovo.
  3. Para o guacamole picamos a cebola e o tomate ben picadiños. Nun bol poñenos o aguacate pelado e sen óso, o zumo de lima, o tomate e a cebola e machacamos todo cun batedor de varilla manual. O importante é non usar a batedora, senón machacalo ben así. Rematamos con sal, pementa e cilantro ao gusto.
  4. Abrimos o pan á metade e torrámolo uns minutiños no forno.

Presentación:

  1. Colocamos o pan como base, untamos o guacamole e colocamos o ovo enrriba, e por último o touciño. Adornamos con leituga, espinacas ou canónigos nun lado e listo!
  2. Recomendación paleo extraoficial: acompañar cun cocktail Bloody Mary ou cunha Mimosa sen alcohol.

Receita-Belén-para-Centro-Move_Brunch-paleo-huevo-poché
Tostas de ovo poché, guacamole e touciño crocante. Brunch paleo «Xuntos Na Cociña», por Belén López.

TORTIÑAS PALEO

Ingredientes (para 6-8 unidades):

  • 100 ml de leite vexetal de améndoas, avelás, noces ou coco (tamén o podemos facer cunha mazá cociñada, un plátano ou cunha cenoria asada)
  • 1 ovo
  • 50-60 gr fariña de améndoa
  • 5 gr de levadura (opcional para que queden esponxosas)
  • Canela e esencia de vainilla ao gusto
  • Aceite de oliva ou de coco para engraxar a tixola
  • Aderezo: froitos vermellos, mel, chocolate negro sen azucre/sen estivia (> 70%), froitos secos ou outro tipo de froitas.

Preparación:

  1. Verter 100 ml de leite vexetal no vaso da batidora. Se o facemos con mazá ou cenoria, cómpre pelalas e cociñalas previamente (2 minutos no microondas a mañá, ou facela tipo compota, ou senón 15-20min no forno); se usamos pláta, quitariámoslle a monda e picariámolo directamente para o vaso da batidora.
  2. Xuntar o resto dos ingredientes no vaso da batidora (1 ovo, 50-60 gr de fariña de améndoa, a canela e a esencia de vainilla ao gusto, e se queremos a levadura para darlles esponxosidade).
  3. Bater ata conseguir unha masa espesa e homoxénea.
  4. Quentar a tixola a calor medio e engraxar coa axuda de papel de cociña ou dun pincel.
  5. Verter un pouco da masa na tixola (segundo o grandes que queiramos que sexan as tortiñas) e agardar uns segundos ata observar unhas pequenas burbullas na superficie; nese momento darlle a volta, agardar outros segundos e retirar.
  6. Repetir a acción ata rematar a masa.

Presentación:

Colocar as tortiñas en torre e adornar co noso aderezo.

Receita-Belén-para-Centro-Move_Brunch-paleo-tortitas
Tortiñas paleo. Brunch paleo «Xuntos Na Cociña», por Belén López.

Consulta o resto de receitas publicadas ata agora: